Friday 03 de May de 2024

O 66% dos concellos galegos recibiron axudas da nova orde para instalacións e equipamentos da Xunta que suma oito M€ nas súas dúas convocatorias


_En total repartíronse 304 axudas para 206 concellos: 72 concellos obtiveron unha axuda na liña de instalacións, 36 na de equipamentos e 98 en ambas as dúas liñas

_Por provincias, A Coruña conta con 70 concellos beneficiados, Ourense con 52, Lugo con 43 e Pontevedra con 41

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se resolven as solicitudes para a segunda convocatoria do ano das subvencións dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable. Desta volta foron 59 concellos beneficiados que recibiron 79 axudas para instalacións, equipamentos ou para ambas por un importe total de máis de 2 millóns de euros (1,1 millóns neste 2023 e o restante en 2024). Do orzamento total, máis de 1,7 millóns de euros van destinados á liña de instalacións, e máis de 230.000 euros á liña de equipamentos.

Esta nova convocatoria de 2 millóns de euros súmase á primeira convocatoria resolta no mes de xullo pola que se repartiron preto de seis millóns de euros (3,4 en 2023 e os 2,4 restantes en 2024) e que beneficiou a 148 concellos a través de 225 axudas. En total, grazas as dúas convocatorias, un total de 206 concellos recibiron 304 axudas, polo que o 66% dos municipios galegos víronse beneficiados por esta nova orde: 98 en ambas as dúas liñas, 72 só na liña I e 36 na liña II. Deste xeito foron repartidas 170 axudas para infraestruturas e 134 para equipamento entre os concellos de Galicia.

Cómpre salientar que os importes das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.

Distribución por provincias
A provincia da Coruña recibiu un total de 26 axudas para 17 concellos. En total, foron, 9 os municipios da provincia beneficiados con axudas en ambas as dúas liñas: Larouco, Muxía, Sobrado, Neda, Laxe, Teixeira, Rianxo, Camariñas e Teo. Outros tres municipios percibiron axudas pola liña I, dedicada a instalacións deportivas: San Sadurniño, Toques, Paderne e Vedra. Mentres que catro foron os beneficiados na liña II, dedicada a material deportivo: Lousame, Cerceda, Mugardos e Sada. Contando tamén os datos da primeira convocatoria, en total, 70 concellos coruñeses recibiron 113 axudas -43 en ambas liñas, 12 pola liña I e 15 pola liña II-.

Na provincia de Lugo, oito concellos recibiron un total de once axudas. Tres municipios foron subvencionados nas dúas liñas -instalacións e material-: Rábade, Monterroso e Vilalba. Mentres que outros cinco foron beneficiados pola liña I para instalacións deportivas: Pastoriza, Castroverde, Palas de Rei, As Nogais e Guntín. Tendo en conta as dúas convocatorias, 43 concellos lucenses recibiron 62 axudas -19 en ambas liñas, 17 na liña I e sete na liña II-.

En Ourense, 23 municipios obtiveron un total de 28 axudas. Por unha banda, cinco concellos recibiron axudas tanto para as súas instalacións como para material deportivo: A Pobra de Trives, A Mezquita, Entrimo, Beade e Barbadás. Por outra banda, outros 15 municipios -Petín, Melón, Maside, Paderne, Verea, Toén, Laza, Vilardevós, Parada de Sil, O Bolo, Cortegada, Carballeda de Avia, A Gudiña, Allariz, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas- recibiron subvencións para as súas infraestruturas; mentres que Viana do Bolo, Amoeiro e Xinzo da Limia foron os tres concellos ourensás beneficiarios da liña II, para material deportivo. Coa suma das dúas convocatorias, 52 municipios ourensáns recibiron 71 axudas -19 en ambas liñas, 28 na liña I e cinco na liña II-.

Unha suma de 14 axudas foron concedidas a 11 municipios da provincia de Pontevedra. Deles, un total de tres obtiveron axudas polas dúas liñas: Rodeiro, Tui e O Porriño. Outros catro, recibiron subvencións só para as súas instalacións deportivas: Curtis, Gondomar, Cangas e Marín; e outros catro -Mondariz-Balneario, Caldas de Reis, Poio e Sanxenxo- para material deportivo. No total das dúas convocatorias, 58 axudas se repartiron entre 41 concellos -17 en ambas as dúas liñas, 15 para a liña I e nove para a liña II-.

Deste xeito, as tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas que a Xunta puxo en funcionamento no presente ano xa foron resoltas. Ademais desta orde para concellos que contou cunha primeira convocatoria de 6 millóns de euros e unha segunda, de 2 millóns de euros; tamén cómpre destacar a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros.